venres, 30 de outubro de 2026

UN SAMAÍN CHEO DE MAXIA, TRADICIÓN E INVENTOS!

O Samaín chegou ao CEIP San Miguel de Reinante cargado de actividades, sorpresas e moita diversión!

Durante a xornada de hoxe, o alumnado puido visitar a exposición preparada polos nenos e nenas de 5 anos, «O laboratorio das pocións», onde descubriron un mundo cheo de maxia e misterio.

Despois, repoñemos forzas cunha deliciosa degustación de chocolate e castañas e, para rematar, gozamos dunha sesión de xogos populares coa colaboración das familias, que unha vez máis se implicaron nesta celebración.


Pero a festa comezou moito antes! Ao longo desta semana, a biblioteca converteuse nun espazo de misterio cun reto especial de Samaín durante a hora do recreo. 

Ademais, no seu andel atopamos unha selección de libros relacionados con esta temática para achegar a lectura ao ambiente propio destas datas.

Os corredores do cole tamén se encheron de decoración e, como xa é tradición, as familias sorprenderonnos coas súas orixinais cabazas decoradas. Este ano, ademais, todas elas estiveron relacionadas coa nosa PDI «Eureka: inventos e descubrimentos», mesturando a creatividade, a ciencia e a maxia do Samaín.


Grazas a todo o alumnado, ás familias e ao profesorado pola súa colaboración e entusiasmo. Entre todos conseguimos unha celebración moi especial na que non faltaron as tradicións, a creatividade e, sobre todo, as ganas de compartir.

Feliz Samaín!


martes, 27 de outubro de 2026

OBRADOIRO "VIVIR O MAR" CON JAVIER MONTERO



O alumnado de 1º, 2º e 3º de Primaria participou no segundo obradoiro do proxecto Vivir o mar: produto local no litoral de Barreiros, da man de Javier Montero. Unha iniciativa impulsada polo Concello de Barreiros que busca conectar aos máis novos coa riqueza da nosa contorna mariña e os hábitos saudables. 

A través dun caderno de pistas, as nenas e os nenos convertéronse en pequenos investigadores para descubrir cales son os peixes máis comúns nas nosas costas, coñecer os beneficios que achegan á nosa saúde e achegarse ás diferentes artes de pesca.

Ademais, Javier aproveitou esta actividade para conversar co alumnado sobre a importancia de manter unha alimentación saudable e incorporar o peixe á nosa dieta.

Unha experiencia moi enriquecedora coa que aprendemos máis sobre a riqueza do noso mar, os seus recursos e a importancia de coidalos.

Moitas grazas a Javier Montero por achegarnos ao mundo do mar dunha forma tan interesante!


venres, 23 de outubro de 2026

UNHA CHAVE, NOVE CIFRAS E UNHA GRAN SORPRESA NA BIBLIOTECA!

Con motivo do Día das Bibliotecas, Pinchos, a mascota da nosa biblioteca, tiña un problema moi importante: non daba atopado a chave para abrir a biblioteca! 

Despois de buscala por todas partes, descubrimos que estaba gardada dentro dunha caixa pechada cun cadeado. Pero había outro problema: para abrila precisabamos conseguir un código de nove cifras. Como podiamos facelo? 

A solución estaba nas nosas mans! Cada clase tivo que superar un reto para conseguir unha das cifras do código. Pouco a pouco, co enxeño, a colaboración e o traballo en equipo, conseguimos reunir as nove cifras necesarias para abrir o cadeado.









E por fin chegou o gran momento! Ao abrir a caixa, descubrimos que alí estaban a chave da biblioteca e os carnets dos nenos e nenas que colaborarán na biblioteca durante este curso. Pero as sorpresas non remataran aí…


Algúns nenos e nenas encargáronse de comprobar se a chave abría realmente a porta da biblioteca. E si! Ao entrar, atopamos uns agasallos que Pinchos preparara para todas as clases: as mochilas viaxeiras e unha caixa cun kit de inventores e inventoras, como agradecemento polo noso esforzo e por superar todos os retos. 


Ademais, para celebrar esta aventura, instalamos na biblioteca un photocall co título da nosa proposta documental integrada deste curso: «Eureka: inventos e descubrimentos». Así, todas as clases puideron facerse unha foto de recordo e dar comezo a un curso no que nos converteremos en auténticos inventores, inventoras e descubridores e descubridoras. 

Foi unha xornada chea de misterio, emoción, traballo en equipo e moitas ganas de descubrir!

Grazas, Pinchos, por esta aventura e por todos os agasallos! Agora si, a biblioteca xa está aberta e preparada para vivir un curso cheo de historias, ideas, inventos e descubrimentos.











A RODA: UN INVENTO QUE PUXO O MUNDO EN MOVEMENTO!

Esta semana, o alumnado de 3 anos volveu recibir unha sorpresa da nosa Caixa dos Inventos! Desta vez, no seu interior agardaban varias imaxes: rodas de pedra e de madeira, persoas utilizando troncos para transportar obxectos e mesmo un home traballando cun torno. Observando as pistas, axiña descubrimos de que invento se trataba: A RODA!

Pero... como xurdiu este invento tan importante? Para descubrilo, vimos un vídeo educativo no que coñecemos como os nosos antepasados idearon a roda e como esta cambiou a maneira de transportar obxectos e desprazarse.

Despois de investigar, chegou o momento de experimentar! Puxémonos mans á obra cunha caixa chea de madeira. Primeiro intentamos movela sen ningunha axuda e comprobamos que pesaba moito e que resultaba bastante complicado desprazala. Pero... e se faciamos como os nosos antepasados e colocabamos uns troncos debaixo? Probamos e descubrimos algo sorprendente: cun só dedo podiamos mover a caixa sen apenas esforzo! Que cambio!

A continuación, utilizamos as carretillas para comprobar como o invento da roda nos permite transportar cousas pesadas, percorrer distancias máis longas e facer moito menos esforzo. Agora entendemos por que foi un invento tan revolucionario!

Tamén nos convertimos en pequenos investigadores e investigadoras da nosa aula. O alumnado de 3 anos buscou diferentes obxectos para descubrir cales rodan, igual que as rodas, e cales non rodan, senón que simplemente se deslizan. Ata lembramos que nós tamén nos deslizamos polo tobogán!

Para rematar, recollemos en papel todo o que aprendemos sobre este invento, que revolucionou a maneira de movernos e transportar cousas.

Canto pode cambiar o mundo unha idea! O alumnado de 3 anos segue descubrindo, experimentando e aprendendo que os grandes inventos nacen da curiosidade e das ganas de atopar solucións aos pequenos e grandes problemas.

Que novo misterio agochará Pinchos na próxima Caixa dos Inventos? Estamos desexando descubrilo! 

mércores, 21 de outubro de 2026

OBRADOIRO "VIVIR O MAR" CON CANDELA MARTÍNEZ

O noso colexio encheuse de enerxía coa posta en marcha dos obradoiros educativos do programa Vivir o mar: produto local e deporte no litoral de Barreiros. Unha iniciativa impulsada polo Concello de Barreiros que busca conectar aos máis novos coa riqueza da nosa contorna mariña e os hábitos saudables. 

O alumnado de 1º, 2º e 3º de Educación Primaria tivo o luxo de contar cunha prescriptora de excepción: Candela Martínez Bobo, ximnasta rítmica de alto nivel, múltiple medallista nacional e actual investigadora da Fundación para o Deporte Galego. 
Ao longo do obradoiro, a deportista de elite compartiu cos pequenos grandes ensinanzas estruturadas en tres piares básicos:
  • O noso litoral como pista deportiva: Candela amosoulles as enormes posibilidades que ofrecen as praias e a costa de Barreiros e de toda A Mariña para gozar da actividade física en contacto coa natureza. 
  • Valores e hábitos de vida: explicoulles a importancia de manter unha rutina saudable e os valores esenciais asociados ao deporte, como o adestramento previo. 
  • O código do bo deportista: coñeceron de preto como se vive un campionato dende dentro, incidindo especialmente no respecto escrupuloso polas normas e no espírito de compañeirismo.
Grazas a esta motivadora charla, os nenos e nenas aprenderon que o mar non só nos rodea, senón que é o escenario perfecto para medrar sans, xogar en equipo e aprender a respectar as regras do xogo tanto dentro como fóra da área deportiva.
Moitas grazas a Candela por contaxiarnos a súa paixón!

venres, 16 de outubro de 2026

DESCUBRIMOS O INVENTO DO PARAUGAS!

Esta semana, o alumnado de 3 anos converteuse en pequenos inventores e inventoras! Todo comezou coa chegada á aula dunha misteriosa Caixa dos Inventos. No seu interior agardaba unha nota de Pinchos que nos contaba que, tal e como nos adiantara, este curso imos descubrir xuntos moitos inventos. Tamén nos explicaba que os inventos son creacións das persoas que nos axudan a facer a vida mellor, máis cómoda e sinxela.

Pero a caixa agochaba un misterio... Que obxecto estaría tapado? Pinchos deixáranos algunhas pistas: utilízase moito no outono e tamén no inverno. Despois de compartir un montón de ideas e hipóteses, chegamos á conclusión de que podía ser... UN PARAUGAS!

Abrimos a caixa e alí estaba! Puidemos observalo, abrilo, pechalo e, por suposto, xogar con el. Ademais, descubrimos unha curiosidade moi especial: o paraugas foi inventado na antiga China hai máis de 1.600 anos. E sabedes que? A súa creación atribúese a unha muller!


Noutro momento convertémonos en pequenos investigadores e investigadoras para descubrir unha das características máis importantes deste invento: ten que ser impermeable! Experimentamos con diferentes materiais para comprobar cales deixaban pasar a auga e cales non. Así descubrimos que non todos os materiais se comportan do mesmo xeito cando se mollan.

E como bos artistas que somos, tamén puxemos en marcha a nosa creatividade. Decoramos un paraugas de verdade con pegatinas e follas de outono coloreadas por nós, que agora colga do teito e dá un toque moi especial á nosa aula. Tamén pintamos con acuarelas un paraugas que, desta vez, tivemos que suxeitar moi ben para que non escapase!

Para rematar, fixemos unha pequena recompilación de todo o que aprendemos sobre este invento, recollendo os nosos descubrimentos e experiencias.

Canto aprendemos arredor dun simple paraugas! Seguimos abrindo a nosa caixa, espertando a curiosidade e descubrindo que detrás de cada invento hai unha gran idea.

Grazas, Pinchos, por acompañarnos nesta fantástica aventura de inventos e descubrimentos!

xoves, 8 de outubro de 2026

DESCUBRINDO OS SEGREDOS DAS PROFESIÓNS EN 2º DE PRIMARIA

Quen nos axuda a que todo funcione no noso arredor? O alumnado de 2º de Educación Primaria estivo respondendo hoxe a esta pregunta na clase de Ciencias Sociais a través dunha entretida investigación sobre as profesións da nosa comunidade.


Para coñecer de preto o valor de cada traballo, os nenos e nenas convertéronse en auténticos documentalistas sen saír da aula. Alí consultaron varios libros informativos da nosa biblioteca seleccionados para esta temática co obxectivo de:
  • Averiguar información sobre o traballo que realiza cada profesional.
  • Descubrir novas profesións cruciais para o funcionamento da sociedade.
  • Aprender a investigar de forma autónoma empregando índices e ilustracións en papel.
  • Comprender a importancia de todos os labores para o benestar común.
Unha fantástica viaxe a través das páxinas que lles axudou a descubrir que todos os traballos contan e que os libros son o mellor camiño para explorar o mundo. 

luns, 28 de setembro de 2026

DETECTIVES DA NATUREZA EN 2º DE PRIMARIA


O alumnado de 2º de Educación Primaria converteuse esta semana nun equipo de intrépidos investigadores sen saír da aula. Na clase de Ciencias Naturais, os rapaces e rapazas tiveron que resolver un gran misterio: descubrir a que especies pertencían unhas follas que lles apareceron na clase.
Para resolver o caso, estes pequenos detectives combinaron con grande éxito dúas ferramentas de investigación complementarias:
  • Utilizaron a aplicación Google Lens para escanear as follas coas tabletas e obter unha primeira identificación visual inmediata.
  • Para confirmar os seus descubrimentos, acudiron ás páxinas do magnífico libro "Inventario ilustrado das árbores" (Editorial Kalandraka). Alí analizaron as ilustracións e as características de cada especie.
Grazas a este traballo de campo na aula, demostraron que a tecnoloxía e os libros da biblioteca son os aliados perfectos para aprender experimentando e coidando o noso medio ambiente.