Durante este curso, dentro do noso proxecto "BO CAMIÑO", estamos coñecendo as etapas, lugares e monumentos do Camiño do Norte da man de Dona Disparate. Cada semana publica unha foto no blog e propón varios retos para o alumnado e as familias.
O 23 de abril, o día do Libro, coincidiu coa etapa na que Dona Disparate pasaba por Barreiros. Aproveitou para facer unha pequena parada no cole e deixarnos unha mensaxe e uns libros de agasallo xa que era o seu aniversario.
Para celebrar este día tan especial, decidimos relacionar o noso proxecto "Bo Camiño" co lema deste curso das Bibliotecas Escolares de Galicia, "Xeografías Lectoras na Biblioteca Escolar", para elaborar un mapa de Barreiros. O alumnado seleccionou os libros que están configurando as xeografías lectoras de cada clase durante este curso e reproduciu as súas portadas. Con estes debuxos completamos as diferentes parroquias lectoras de Barreiros.
Como remate desta celebración, baixamos ao patio (seguindo as medidas sanitarias) e compartimos estas lecturas nunha xuntanza moi orixinal que inmortalizamos co noso dron:
Por certo, Dona Disparate está moi contenta de que vos gustaran os agasallos que fixo polo Día do Libro. O próximo venres teredes novas fotos e retos!