Amosando publicacións coa etiqueta #Radionabiblio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta #Radionabiblio. Amosar todas as publicacións

venres, 15 de maio de 2026

Pequenas voces para unha gran lingua

Para celebrar as Letras Galegas, o alumnado de 4 anos gravou un anaco da canción "Meu o mundo é", de Paco Nogueiras. Cun retrouso que non podemos deixar de bailar, os máis pequenos e pequenas lémbrannos que a nosa lingua é o motor que nos conecta co mundo.

Non o perdades! O galego soa de marabilla cando se canta con este entusiasmo.


venres, 27 de marzo de 2026

Día Internacional do Residuo Cero

Canto plástico podemos aforrar nun só recreo? O alumnado de 1º de Primaria teno claro e decidiu que era o momento de pasar á acción. Aproveitando o Día Internacional dos Residuos Cero (30 de marzo), os máis pequenos do cole puxéronse diante dos micrófonos para darnos unha gran lección de ecoloxía.

Neste novo podcast, comparten ideas moi sinxelas para que as nosas mochilas sexan moito máis amigas do planeta.

Dálle ao play e escoita os seus consellos!


martes, 24 de febreiro de 2026

Celebramos o Día de Rosalía na radio da biblio.

 

Con motivo do Día de Rosalía de Castro, o alumnado de 1º de Educación Primaria quixo sumarse á celebración dun xeito moi especial: recitando o poema “Vamos bebendo” da nosa querida autora.

A recitación realizouse desde a nosa emisora escolar, Pinchos nas ondas, a radio da biblioteca, convertendo este espazo nun lugar onde a literatura tamén se escoita e se comparte a través das ondas.

Foi unha experiencia moi bonita na que o alumnado de primeiro puxo voz á poesía de Rosalía de Castro, achegándose á súa obra dun xeito participativo e creativo.

A continuación podedes escoitar a súa recitación e celebrar connosco a forza e a beleza da poesía de Rosalía.



xoves, 19 de febreiro de 2026

O noso programa de Entroido en Ponte... nas Ondas!



Dende Ponte... nas Ondas! publicaron o noso programa de Entroido con motivo da conmemoración do Día Mundial da Radio, celebrado o 13 de febreiro.

Deixámosvos o enlace á súa páxina web para que, ademais de escoitar o noso podcast, tamén poidades gozar dos podcasts doutros centros educativos participantes.

https://escolasnasondas.com/ceip-san-miguel-de-reinante-barreiros-para-o-dia-mundial-da-radio-2026/


venres, 13 de febreiro de 2026

Unha viaxe sonora polo Entroido galego.

Con motivo do Día Mundial da Radio (13 de febreiro), o alumnado de 5º de Educación Primaria ponse á fronte de Pinchos nas ondas para amosarnos o seu talento como locutores especialistas no Entroido galego. A través deste podcast, os nenos e nenas analizan o pasado e o presente desta festa única, resaltando o seu valor cultural e o simbolismo de máscaras tan nosas como os cigarróns ou as pantallas. 

Xa podedes escoitar o resultado deste fantástico proxecto premendo na seguinte ligazón.

venres, 19 de decembro de 2025

A radio da biblioteca estrea nome e logotipo


A radio da biblio xa é unha realidade… e agora tamén ten nome e logotipo. A partir de agora chamarase Pinchos nas ondas, unha denominación chea de personalidade que identificará todos os programas e actividades radiofónicas do centro.

O logotipo que acompaña a este nome é o que podedes ver na imaxe e foi o gañador do concurso realizado no colexio. O seu autor é Diego Lombardero, alumno de 3º de Educación Primaria, ao que felicitamos e agasallamos polo seu traballo e imaxinación.  

Con esta nova identidade, a radio da biblioteca segue medrando como un espazo para a lectura, a expresión oral e a participación de todo o alumnado.

Pinchos nas ondas comeza a soar con forza. Moi pronto, novos programas!

martes, 9 de decembro de 2025

Arrinca a radio do cole!


Esta semana demos un paso moi especial no proxecto da radio escolar: o alumnado de 5º E.P. gravou o seu primeiro programa de radio, unha experiencia chea de ilusión, aprendizaxe e moitas ganas de comunicar.

A actividade realizouse no marco dun obradoiro radiofónico guiado por Damián Alonso, do proxecto Ponte nas Ondas, quen acompañou ao alumnado ao longo de todo o proceso, achegándolles os coñecementos básicos e a paixón polo mundo da radio.


Durante o obradoiro, o alumnado tivo a oportunidade de pasar por todas as fases necesarias para crear un programa de radio, desde a idea inicial ata a gravación final.

Foi unha experiencia moi enriquecedora, na que traballaron a expresión oral, o traballo en equipo, a creatividade e a responsabilidade, coñecendo de primeira man como funciona unha emisora de radio.


Este primeiro programa é só o comezo dun proxecto que promete moitas voces, historias e aprendizaxes. Non volo perdades!

xoves, 6 de novembro de 2025

A radio do cole busca nome e imaxe

 


Antes de comezar a emitir o noso primeiro programa e encher os corredores de música e entrevistas, precisamos dous elementos clave para que a radio poida arrancar: un nome axeitado e un logo que nos represente!

Por iso, lanzamos un Concurso Creativo para que sexa o alumnado quen decida a identidade visual e sonora deste novo espazo.

Animamos a todo o alumnado a participar! Sacade o voso lado máis imaxinativo e propoñede a vosa mellor idea.

martes, 14 de outubro de 2025

A radio chega ao cole!


Temos unha nova moi especial: fomos seleccionados para poñer en marcha o proxecto RADIO NA BIBLIO, unha iniciativa que enche a nosa biblioteca de novas formas de aprender, crear e comunicarnos.

A través da radio, o alumnado poderá investigar, escribir guións, falar diante do micrófono, editar os seus programas e compartir co resto da comunidade educativa todo o que aprenden.

A emisora de radio escolar será, sen dúbida, unha fantástica oportunidade para aprender facendo, traballando en equipo e gozando do proceso.