venres, 13 de novembro de 2026

DESCUBRIMOS A RADIOGRAFÍA: OS NOSOS ÓSOS Á VISTA

Esta semana, o alumnado de 3 anos recibiu unha nova visita da nosa misteriosa Caixa dos Inventos. Ao abrila, atopamos unha carta, unha lanterna e varias radiografías. Que podería ser todo aquilo? Pinchos volvía propoñernos un novo reto: descubrir un invento que nos permite ver algo que normalmente está escondido dentro do noso corpo.

Comezamos explorando as radiografías na mesa de luz. Foi toda unha sorpresa! Observamos diferentes imaxes e descubrimos os ósos que se agochan debaixo da nosa pel. Puidemos identificar algunhas partes do corpo e observar como son os nosos ósos. Esta experiencia serviunos tamén para seguir aprendendo sobre o corpo humano e coñecer un pouquiño mellor como somos por dentro.

Pero a nosa investigación non quedou aí! Quixemos comprobar como funciona a luz e que acontece cando colocamos unha lanterna detrás da nosa man. Ao iluminala e tapala, observamos como aparecía unha luz vermella. Descubrimos que a luz pode atravesar os tecidos da nosa man, pero non os ósos, que aparecen máis escuros.

Tamén vimos un vídeo para coñecer como se fai unha radiografía e que acontece cando imos ao hospital ou ao centro de saúde para realizar unha. Ao principio, algúns pensaban que facer unha radiografía tiña que doer moito, pero despois de ver o vídeo descubrimos que facer unha radiografía non doe nada! Que tranquilidade!

E, como auténticos investigadores e investigadoras, tamén tivemos a oportunidade de facer a nosa propia radiografía da man. Que emocionante foi descubrir a forma dos nosos ósos! Para rematar, deixámonos levar pola imaxinación e realizamos unha divertida radiografía máxica, na que a creatividade e a sorpresa foron as protagonistas.



Así, a través da observación, a experimentación e o xogo, o alumnado de 3 anos achegouse ao descubrimento dun invento moi importante para a medicina, que permite aos profesionais sanitarios observar o interior do noso corpo e axudarnos a saber se os nosos ósos están ben.

Seguimos descubrindo que o noso corpo agocha moitas sorpresas e que, grazas aos inventos, podemos ver e comprender cousas que antes parecían invisibles!

Grazas, Pinchos, por axudarnos a mirar máis alá do que ven os nosos ollos! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario