xoves, 23 de febreiro de 2017

#RosalíaTe


O noso cole quixo sumarse á celebración do día de Rosalía de Castro, unha das nosas escritoras máis coñecidas. 
Por este motivo, realizáronse diferentes actividades a proposta dos equipos de Dinamización Lingüística e da Biblioteca. 
Entre as actividades realizadas, queremos destacar a da nosa caracterización como Rosalía, elaborando carautas personalizadas para cada neno/a.
Asímesmo, para dar a coñecer a súa importante obra, cada curso escolleu unha estrofa e elaboramos uns carteis, que logo recollemos e que temos na entrada do noso cole.
Por outra banda e, enlazando co tema do Entroido, como xa fomos comentando anteriormente, a nosa biblioteca convertiuse nunha PIRATECA, un recuncho máxico cheo de aventuras, onde só os máis valentes piratas se atreven a entrar na busca dun gran tesouro.

Foi por iso que xunto cos nenos e nenas de 6º de Primaria nos involucramos na busca dun valiosísimo tesouro pirata (moedas de ouro e un exemplar dun libro de Rosalía).
A busca non foi nada sinxela, pero os nosos piratas demostraron estar feitos dunha pasta especial e conseguiron superar as misións máis difíciles para finalmente dar co achado.


domingo, 12 de febreiro de 2017

Ao asalto, piratas!

Conta unha interesante lenda xurdida entre as paredes do cole de San Miguel que nos terreos nos que este está edificado foi enterrado supostamente un valioso tesouro, o cal non podería ser desenterrado ata pasar 400 anos.
A piques de cumprirse o 400º aniversario deste feito, o cole está sufrindo unha serie de cambios. Para mostra, a nosa "pirateca". A antiga biblioteca convertirase nestes días do mes de febreiro no centro de operacións dunha banda de temibles piratas... 

Para rescatalo, o alumnado deberá enfrontarse a algunhas importantes probas, que só os verdadeiros piratas son capaces de superar. 
Todo comeza na Pirateca. 


Lograremos rescatar o tesouro?

Lendo pola Paz

A Biblioteca tamén celebrou o día da Paz. Para a ocasión, o Equipo da Biblioteca preparou unha pequena exposición con títulos que tratan desta temática, que son unha pequena mostra dos volumes que hai no centro.

Por outra banda, a nivel de centro, propúxose a realización dun mural titulado "Escribindo a Paz", no que participou todo o alumnado.

Acabamos a conmemoración do día da Paz lendo un manifesto e representando entre todos un dos símbolos da Paz.