sábado, 3 de xuño de 2017

Olimpiada lectora

O xoves 25 de maio o alumnado de Primaria viviu unhas das actividades máis emocionantes da Semana Cultural deste ano, na que tiveron que demostrar as súas habilidades lectoras. Para iso organizáronse cinco grupos formados por alumnado dos 6 niveis educativos.






E, tras finalizar o traballo de lectura, o noso alumnado tivo que enfrontarse a un Pasapalabra moi especial, demostrando o moito que sabían do autor homenaxeado polas Letras Galegas deste ano.


Tras unha reñidísima loita, o grupo Carlos Casares alzouse coa vitoria e proclamáronse campións desta olimpíada.

venres, 2 de xuño de 2017

LETRAS GALEGAS 2017

Con motivo da conmemoración das Letras Galegas, o alumnado traballou as obras do autor homenaxeado dunha forma especial. E é que non hai mellor forma de coñecer as súas obras, que formando parte delas. Así, pois, versionamos dous contos.
O primeiro dos contos foi versionado polo alumnado de infantil, primeiro e segundo de primaria. Para poder consultalo, clicade na seguinte imaxe:


O que aparece a continuación, é a versión "made in San Miguel" de O can Rin e o lobo Crispín. 
Dado o peso dos arquivos, para poder visualizalos mellor, deixamos o enlace para que poidades consultalo.

Esperemos que vos guste!

mércores, 17 de maio de 2017

Día das Letras Galegas 2017

Para conmemorar o día das Letras Galegas, desde o Equipo da Biblioteca elaboramos unhas recomendacións de lectura para toda a comunidade educativa e que non veñen máis que a ser unha pequena mostra da variedade e calidade da literatura existente na actualidade na nosa lingua. Esperamos que vos gusten.


Así mesmo, estamos traballando noutras actividades que levaremos a cabo na Semana Cultural que se celebra no cole a próxima semana e das que daremos conta dentro duns días.
FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!

domingo, 23 de abril de 2017

DÍA DO LIBRO 2017

Como cada 23 de abril conmemórase o día do libro. Un día especial que desde o cole non quixemos deixar pasar e, para celebralo, nada mellor ca facer unhas recomendacións de lectura un tanto distintas. E é que a nosa biblioteca é un lugar importante do noso cole, pero non sería nada sen eles e elas: o noso alumnado.
Nas seguintes presentacións recollemos un pequena escolma das súas propostas. A primeira corresponden ao alumnado de Educación Infantil:


A seguinte presentación correspóndese coas recomendacións de Primaria:


FELIZ DÍA DO LIBRO A TOD@S!

xoves, 23 de marzo de 2017

Novas en feminino!

Na semana do 6 ao 10 de marzo celebramos no cole conxuntamente a semana da prensa e o día da muller traballador. Para tales importantes celebracións, o alumnado traballou na elaboración dunha edición especial do noso xornal, grazas á cal puidemos reflexionar sobre as diferenzas que aínda existen a día de hoxe entre homes e mulleres.
Ao longo de toda a semana, cada grupo foi recompilando aquelas novas que lles chamaron a atención, divididas nas distintas seccións do xornal. Finalmente, elaboramos o noso xornal, que está exposto na entrada do edificio principal do cole e que podedes visualizar a continuación.



Ademais disto, o noso alumnado posou nun photocall especial, que consistía en nada máis e nada menos, que na portada da edición especial do noso xornal, co seguinte titular:

Aquí tedes todas as fotos:










 

Esperamos que vos guste!

domingo, 12 de marzo de 2017

#RosalíaTe

Como colofón das actividades para conmemorar o día de Rosalía, a comunidade educativa de San Miguel involucrouse na elaboración dun vídeo moi especial dedicado a unha das nosas escritoras máis internacionais.
E como se de actores profesionais se tratase, o alumnado meteuse no seu papel de pequen@s Rosalías.
O resultado dá boa conta do ben que o pasamos e do que, de seguro, aprenderon. Para poder visualizar o vídeo, pulsa aquí. Esperamos que lles guste!



xoves, 23 de febreiro de 2017

#RosalíaTe


O noso cole quixo sumarse á celebración do día de Rosalía de Castro, unha das nosas escritoras máis coñecidas. 
Por este motivo, realizáronse diferentes actividades a proposta dos equipos de Dinamización Lingüística e da Biblioteca. 
Entre as actividades realizadas, queremos destacar a da nosa caracterización como Rosalía, elaborando carautas personalizadas para cada neno/a.
Asímesmo, para dar a coñecer a súa importante obra, cada curso escolleu unha estrofa e elaboramos uns carteis, que logo recollemos e que temos na entrada do noso cole.
Por outra banda e, enlazando co tema do Entroido, como xa fomos comentando anteriormente, a nosa biblioteca convertiuse nunha PIRATECA, un recuncho máxico cheo de aventuras, onde só os máis valentes piratas se atreven a entrar na busca dun gran tesouro.

Foi por iso que xunto cos nenos e nenas de 6º de Primaria nos involucramos na busca dun valiosísimo tesouro pirata (moedas de ouro e un exemplar dun libro de Rosalía).
A busca non foi nada sinxela, pero os nosos piratas demostraron estar feitos dunha pasta especial e conseguiron superar as misións máis difíciles para finalmente dar co achado.


domingo, 12 de febreiro de 2017

Ao asalto, piratas!

Conta unha interesante lenda xurdida entre as paredes do cole de San Miguel que nos terreos nos que este está edificado foi enterrado supostamente un valioso tesouro, o cal non podería ser desenterrado ata pasar 400 anos.
A piques de cumprirse o 400º aniversario deste feito, o cole está sufrindo unha serie de cambios. Para mostra, a nosa "pirateca". A antiga biblioteca convertirase nestes días do mes de febreiro no centro de operacións dunha banda de temibles piratas... 

Para rescatalo, o alumnado deberá enfrontarse a algunhas importantes probas, que só os verdadeiros piratas son capaces de superar. 
Todo comeza na Pirateca. 


Lograremos rescatar o tesouro?

Lendo pola Paz

A Biblioteca tamén celebrou o día da Paz. Para a ocasión, o Equipo da Biblioteca preparou unha pequena exposición con títulos que tratan desta temática, que son unha pequena mostra dos volumes que hai no centro.

Por outra banda, a nivel de centro, propúxose a realización dun mural titulado "Escribindo a Paz", no que participou todo o alumnado.

Acabamos a conmemoración do día da Paz lendo un manifesto e representando entre todos un dos símbolos da Paz.




mércores, 18 de xaneiro de 2017

A ESCOLA DOS NOSOS AVÓS E DAS NOSAS AVOAS

Nun mundo de cambios constantes, desde o CEIP de San Miguel de Reinante non queremos esquecer a escola dos nosos antepasados. É por iso que o Equipo de Biblioteca vén de organizar unha exposición que trata sobre esta temática, a cal estará aberta para todo o que o desexe durante todo o mes de xaneiro.
Ademais, nesta exposición contamos con diferentes tipos de documentos que dan fé da realidade educativa do pasado. 






Queremos dar as grazas a todas as familias que colaboraron e fixeron posible a mesma.
Grazas á vosa colaboración, elaboramos un libro moi especial coas vosas aportacións. Esperamos que vos guste!

Presentación do blog

O presente blog da biblioteca do CEIP de San Miguel de Reinante é un espazo que pretende servir dunha ventá das nosas actividades de cara ao exterior do centro, así como tamén un espazo de recursos que sirvan para toda a comunidade educativa.
Esperamos que este sexa un bo medio para facer chegar a todos parte do traballo que o profesorado e o alumnado do centro leva a cabo.

Comezamos cun mural que explica o que é para os nenos e nenas do centro unha biblioteca, froito dunha das primeiras actividades do ano chamada "Que é para vós unha biblioteca?"