Do 16 ao 30 de novembro, o alumnado poderá achegarse á biblioteca para participar en dúas propostas que, aínda que diferentes, comparten un mesmo obxectivo: aprender, reflexionar, colaborar e descubrir a importancia de construír unha sociedade máis xusta e igualitaria.
RETO 1. UN PUZLE SOBRE O EFECTO MATILDA
Pinchos quixo espertar a curiosidade das clases e enviou unha carta ás aulas cunha pregunta: Sabedes que é o Efecto Matilda? Xunto coa carta, deixou unha presentación para que o alumnado puidese descubrir en que consiste este fenómeno e coñecer como, ao longo da historia, moitas mulleres científicas non recibiron o recoñecemento que merecían polos seus descubrimentos e achegas.
Agora tócanos seguir investigando! Na biblioteca agardará un puzle que nos permitirá descubrir algunhas destas mulleres e achegarnos ás súas historias. Porque coñecer os seus nomes e os seus logros tamén é unha maneira de darlles o recoñecemento que merecen.
RETO 2. KAPLA: CONSTRUÍMOS A PONTE DO APOIO
Coa chegada do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, propoñemos un segundo reto: construír unha ponte con pezas de Kapla. Unha construción colectiva que nos invita a reflexionar sobre o valor do apoio, a cooperación, o respecto e a solidariedade. Porque, igual que unha ponte precisa de todas as súas pezas para manterse en pé, unha sociedade mellor constrúese coa colaboración e o compromiso de todas e todos.
Dous retos para compartir os recreos doutra maneira, poñer a proba as nosas habilidades, descubrir historias que merecen ser coñecidas e lembrar que a igualdade e o apoio mutuo son fundamentais para construír un mundo libre de violencia.
Pinchos agárdavos na biblioteca! Animádevos a participar!











.jpeg)


.jpeg)





