Aquí está a exposición virtual de cabazas que preparou o equipo de Dinamización da Lingua Galega do cole coas vosas fotos. Vaia artistas!
venres, 29 de outubro de 2021
domingo, 24 de outubro de 2021
Samaín 2021
Achégase a celebración do Samaín e os Bolechas propóñennos algúns materiais para ler, colorear, decorar e ata cociñar. Todo relacionado co SAMAÍN!
E se vos animades a ir casa por casa buscando "terroríficos" libros, aquí tedes unha Aventura lectora no Samaín. Seguro que coñecedes a todas estas personaxes...
venres, 22 de outubro de 2021
Mensaxe de Dona Disparate: RUMBO AO MAR!
Hoxe celebramos o día das Bibliotecas e, casualidade, chegaron ao cole unhas botellas cunha mensaxe dentro. Adiviñades quen as enviou?
Si, Dona Disparate!!!
Mirade, mirade, dentro da botella está a mensaxe!
Aquí está o que nos contaba:
Este curso embarquei nunha aventura que me levará por todos os mares do mundo! Queredes ser os meus grumetes nestas viaxes? Animádevos, xuntos coñeceremos sorprendentes criaturas mariñas, lugares fantásticos ou misteriosas illas perdidas. Tamén descubriremos todo o dano que fixo o ser humano ao mar e xuntos conseguiremos un mar máis limpo.
Os nosos barcos serán os libros, claro, e por iso preparei unhas mochilas con libros marabillosos. Tamén teredes novos pasaportes lectores para que apuntedes cada novo libro que leades.
Como vedes, hoxe comunícome con vós mediante esta mensaxe na botella. Nalgúns lugares non poderei usar o móbil nin internet, así que terei que buscar distintas formas de contarvos os meus descubrimentos.
E agora déixovos, que teño que preparar as velas do meu barco para comezar esta nova aventura! RUMBO AO MAR!
E coa mensaxe viñeron as mochilas viaxeiras, que poderedes telas en casa durante unha semana, e os préstamos semanais de libros.
Preparados para a aventura? Imos...
RUMBO AO MAR!
xoves, 21 de outubro de 2021
Proxecto RUMBO AO MAR!
Neste curso 2021/2022 estaremos inmersos nun proxecto que leva o nome “Rumbo ao mar”, o cal será o fío
condutor de gran parte da estrutura pedagóxica que sustentará os contidos curriculares ata fin de curso.
Por trimestres a temática concretarase do seguinte xeito:
- 1º trimestre: “Un mar de vida” (biodiversidade e organismos mariños)
- 2º trimestre: “Un mar xeneroso” (Aportacións do mar, o mar como medio de vida, profesións,...)
- 3ºtrimestre: ”Un mar limpo” (ecoloxía e sostibilidade do medio mariño)
Gran parte das actividades complementarias e extraescolares organizadas polo centro serán acordes a esta temática
mércores, 8 de setembro de 2021
Curso 2021-2022
Comezamos un novo curso con moita ilusión, novos proxectos e algunha novidade que iredes descubrindo...
Pero primeiro de todo, sabedes por onde anda Dona Disparate? O camiño rematou pero aínda non apareceu polo cole. A saber en que aventuras anda metida...
Por agora inauguramos o curso co cartel e o lema anual que propón a Asesoría de Bibliotecas Escolares:
A BIBLIOTECA ESCOLAR TEN A PALABRA
domingo, 20 de xuño de 2021
Recomendacións lectoras - Verán 2021
Coa chegada das vacacións de verán chegan tamén momentos de xogo, de praia, de sol, de amigos e, como non, de lecturas!
Aquí vos recomendamos unha selección de lecturas moi refrescantes e divertidas. Agora tócache a ti atopar o lugar ideal onde gozar destes libros!
BO VERÁN!
sábado, 19 de xuño de 2021
Entrega de diplomas e agasallos
O venres Dona Disparate enviounos os "Diplomas lectores" deste curso. Un curso no que, aínda que non puidemos ir á Biblioteca, lemos moitísimos libros. E tamén sorprendeunos cunhas chapas para que non esquezamos as súas aventuras no Camiño...
Esperamos verte pronto polo cole, Dona Disparate!
venres, 11 de xuño de 2021
FIN DO CAMIÑO
Ola, nenos e nenas!
Estas últimas semanas non vos enviei fotos nin respondín ás vosas mensaxes do blog porque estaba rematando...
O CAMIÑO DE SANTIAGO
Durante todo este curso percorrín unha morea de quilómetros coñecendo os lugares marabillosos polos que pasa o Camiño do Norte.
Fíxome moita ilusión compartir convosco esta viaxe. Cada vez que algún de vós lía un libro, eu sentía novas forzas para seguir camiñando. Divertinme moito coas vosas mensaxes, algúns tedes moita imaxinación! Moitísimas grazas por todas as mensaxes e os ánimos, sodes os mellores!!!
Antes de despedirme quero desexarvos un BO VERÁN e que pasedes unhas VACACIÓNS estupendas! Moi pronto estarei de volta no colexio...







