O venres Dona Disparate enviounos os "Diplomas lectores" deste curso. Un curso no que, aínda que non puidemos ir á Biblioteca, lemos moitísimos libros. E tamén sorprendeunos cunhas chapas para que non esquezamos as súas aventuras no Camiño...
Tamén houbo uns pequenos agasallos para os que máis participaron nos seus retos semanais.
Estas últimas semanas non vos enviei fotos nin respondín ás vosas mensaxes do blog porque estaba rematando...
O CAMIÑO DE SANTIAGO
Durante todo este curso percorrín unha morea de quilómetros coñecendo os lugares marabillosos polos que pasa o Camiño do Norte.
Fíxome moita ilusión compartir convosco esta viaxe. Cada vez que algún de vós lía un libro, eu sentía novas forzas para seguir camiñando. Divertinme moito coas vosas mensaxes, algúns tedes moita imaxinación! Moitísimas grazas por todas as mensaxes e os ánimos, sodes os mellores!!!
Antes de despedirme quero desexarvos un BO VERÁN e que pasedes unhas VACACIÓNS estupendas! Moi pronto estarei de volta no colexio...
Quería agradecervos novamente as mensaxes de ánimo. Só faltan 3 semanas para chegar a Santiago de Compostela!
A semana pasada coñecín VILALBA e durmín no seu PARADOR. Fixádevos que habitación máis bonita:
A clase de 5 anos preguntoume moitas cousas da miña habitación no castelo.
Por sorte non había nin arañas nin ratas. O que había era unha cama mooooi cómoda!
E si, durmo cun peluche. Aí o tedes, enriba da cama. Gústavos?
Como levo un teléfono móbil, aí xa podo ver o calendario.
Para Infantil:
1. Que nome podo poñerlle ao meu osiño de peluche?
2. Que mascota teriades vós se vivísedes nun castelo?
Para Primaria:
3. Hai algo na foto que non debería estar aí? Razoa a túa resposta.
4. Despois de Vilalba, cal cres que é a seguinte localidade na que teño que parar? (podes buscar por Internet. Pensa que en cada etapa podo camiñar entre 20 e 30 quilómetros).
Só faltan unhas poucas etapas para que Dona Disparate chegue ao seu destino: Santiago de Compostela.
Tiñan curiosidade os compañeiros da clase de Infantil 5 anos por onde durmía Dona Disparate no seu percorrido. Normalmente durme nos albergues que hai no camiño, pero nesta ocasión decidiu hospedarse nun Parador. E elixiu unha habitación que está nesta torre medieval:
Para Infantil:
1. Como imaxinas que será a habitación onde durme Dona Disparate?
Para Primaria:
2. Que nome ten a localidade onde está Dona Disparate?
Durante este curso, dentro do noso proxecto "BO CAMIÑO", estamos coñecendo as etapas, lugares e monumentos do Camiño do Norte da man de Dona Disparate. Cada semana publica unha foto no blog e propón varios retos para o alumnado e as familias.
O 23 de abril, o día do Libro, coincidiu coa etapa na que Dona Disparate pasaba por Barreiros. Aproveitou para facer unha pequena parada no cole e deixarnos unha mensaxe e uns libros de agasallo xa que era o seu aniversario.
Para celebrar este día tan especial, decidimos relacionar o noso proxecto "Bo Camiño" co lema deste curso das Bibliotecas Escolares de Galicia, "Xeografías Lectoras na Biblioteca Escolar", para elaborar un mapa de Barreiros. O alumnado seleccionou os libros que están configurando as xeografías lectoras de cada clase durante este curso e reproduciu as súas portadas. Con estes debuxos completamos as diferentes parroquias lectoras de Barreiros.
Como remate desta celebración, baixamos ao patio (seguindo as medidas sanitarias) e compartimos estas lecturas nunha xuntanza moi orixinal que inmortalizamos co noso dron:
Grazas aos libros descubrimos os mundos marabillosos que agochan as súas
páxinas, pero tamén coñecemos mellor a nosa contorna e aprendemos a
valorala.
Por certo, Dona Disparate está moi contenta de que vos gustaran os agasallos que fixo polo Día do Libro. O próximo venres teredes novas fotos e retos!