xoves, 23 de marzo de 2017

Novas en feminino!

Na semana do 6 ao 10 de marzo celebramos no cole conxuntamente a semana da prensa e o día da muller traballador. Para tales importantes celebracións, o alumnado traballou na elaboración dunha edición especial do noso xornal, grazas á cal puidemos reflexionar sobre as diferenzas que aínda existen a día de hoxe entre homes e mulleres.
Ao longo de toda a semana, cada grupo foi recompilando aquelas novas que lles chamaron a atención, divididas nas distintas seccións do xornal. Finalmente, elaboramos o noso xornal, que está exposto na entrada do edificio principal do cole e que podedes visualizar a continuación.



Ademais disto, o noso alumnado posou nun photocall especial, que consistía en nada máis e nada menos, que na portada da edición especial do noso xornal, co seguinte titular:

Aquí tedes todas as fotos:










 

Esperamos que vos guste!

domingo, 12 de marzo de 2017

#RosalíaTe

Como colofón das actividades para conmemorar o día de Rosalía, a comunidade educativa de San Miguel involucrouse na elaboración dun vídeo moi especial dedicado a unha das nosas escritoras máis internacionais.
E como se de actores profesionais se tratase, o alumnado meteuse no seu papel de pequen@s Rosalías.
O resultado dá boa conta do ben que o pasamos e do que, de seguro, aprenderon. Para poder visualizar o vídeo, pulsa aquí. Esperamos que lles guste!



xoves, 23 de febreiro de 2017

#RosalíaTe


O noso cole quixo sumarse á celebración do día de Rosalía de Castro, unha das nosas escritoras máis coñecidas. 
Por este motivo, realizáronse diferentes actividades a proposta dos equipos de Dinamización Lingüística e da Biblioteca. 
Entre as actividades realizadas, queremos destacar a da nosa caracterización como Rosalía, elaborando carautas personalizadas para cada neno/a.
Asímesmo, para dar a coñecer a súa importante obra, cada curso escolleu unha estrofa e elaboramos uns carteis, que logo recollemos e que temos na entrada do noso cole.
Por outra banda e, enlazando co tema do Entroido, como xa fomos comentando anteriormente, a nosa biblioteca convertiuse nunha PIRATECA, un recuncho máxico cheo de aventuras, onde só os máis valentes piratas se atreven a entrar na busca dun gran tesouro.

Foi por iso que xunto cos nenos e nenas de 6º de Primaria nos involucramos na busca dun valiosísimo tesouro pirata (moedas de ouro e un exemplar dun libro de Rosalía).
A busca non foi nada sinxela, pero os nosos piratas demostraron estar feitos dunha pasta especial e conseguiron superar as misións máis difíciles para finalmente dar co achado.


domingo, 12 de febreiro de 2017

Ao asalto, piratas!

Conta unha interesante lenda xurdida entre as paredes do cole de San Miguel que nos terreos nos que este está edificado foi enterrado supostamente un valioso tesouro, o cal non podería ser desenterrado ata pasar 400 anos.
A piques de cumprirse o 400º aniversario deste feito, o cole está sufrindo unha serie de cambios. Para mostra, a nosa "pirateca". A antiga biblioteca convertirase nestes días do mes de febreiro no centro de operacións dunha banda de temibles piratas... 

Para rescatalo, o alumnado deberá enfrontarse a algunhas importantes probas, que só os verdadeiros piratas son capaces de superar. 
Todo comeza na Pirateca. 


Lograremos rescatar o tesouro?

Lendo pola Paz

A Biblioteca tamén celebrou o día da Paz. Para a ocasión, o Equipo da Biblioteca preparou unha pequena exposición con títulos que tratan desta temática, que son unha pequena mostra dos volumes que hai no centro.

Por outra banda, a nivel de centro, propúxose a realización dun mural titulado "Escribindo a Paz", no que participou todo o alumnado.

Acabamos a conmemoración do día da Paz lendo un manifesto e representando entre todos un dos símbolos da Paz.




mércores, 18 de xaneiro de 2017

A ESCOLA DOS NOSOS AVÓS E DAS NOSAS AVOAS

Nun mundo de cambios constantes, desde o CEIP de San Miguel de Reinante non queremos esquecer a escola dos nosos antepasados. É por iso que o Equipo de Biblioteca vén de organizar unha exposición que trata sobre esta temática, a cal estará aberta para todo o que o desexe durante todo o mes de xaneiro.
Ademais, nesta exposición contamos con diferentes tipos de documentos que dan fé da realidade educativa do pasado. 






Queremos dar as grazas a todas as familias que colaboraron e fixeron posible a mesma.
Grazas á vosa colaboración, elaboramos un libro moi especial coas vosas aportacións. Esperamos que vos guste!

Presentación do blog

O presente blog da biblioteca do CEIP de San Miguel de Reinante é un espazo que pretende servir dunha ventá das nosas actividades de cara ao exterior do centro, así como tamén un espazo de recursos que sirvan para toda a comunidade educativa.
Esperamos que este sexa un bo medio para facer chegar a todos parte do traballo que o profesorado e o alumnado do centro leva a cabo.

Comezamos cun mural que explica o que é para os nenos e nenas do centro unha biblioteca, froito dunha das primeiras actividades do ano chamada "Que é para vós unha biblioteca?"