Esta semana, o alumnado de 3 anos converteuse en pequenos inventores e inventoras! Todo comezou coa chegada á aula dunha misteriosa Caixa dos Inventos. No seu interior agardaba unha nota de Pinchos que nos contaba que, tal e como nos adiantara, este curso imos descubrir xuntos moitos inventos. Tamén nos explicaba que os inventos son creacións das persoas que nos axudan a facer a vida mellor, máis cómoda e sinxela.
Pero a caixa agochaba un misterio... Que obxecto estaría tapado? Pinchos deixáranos algunhas pistas: utilízase moito no outono e tamén no inverno. Despois de compartir un montón de ideas e hipóteses, chegamos á conclusión de que podía ser... UN PARAUGAS!
Abrimos a caixa e alí estaba! Puidemos observalo, abrilo, pechalo e, por suposto, xogar con el. Ademais, descubrimos unha curiosidade moi especial: o paraugas foi inventado na antiga China hai máis de 1.600 anos. E sabedes que? A súa creación atribúese a unha muller!
E como bos artistas que somos, tamén puxemos en marcha a nosa creatividade. Decoramos un paraugas de verdade con pegatinas e follas de outono coloreadas por nós, que agora colga do teito e dá un toque moi especial á nosa aula. Tamén pintamos con acuarelas un paraugas que, desta vez, tivemos que suxeitar moi ben para que non escapase!
Para rematar, fixemos unha pequena recompilación de todo o que aprendemos sobre este invento, recollendo os nosos descubrimentos e experiencias.
Canto aprendemos arredor dun simple paraugas! Seguimos abrindo a nosa caixa, espertando a curiosidade e descubrindo que detrás de cada invento hai unha gran idea.
Grazas, Pinchos, por acompañarnos nesta fantástica aventura de inventos e descubrimentos!

.jpeg)

Ningún comentario:
Publicar un comentario