Esta semana, o alumnado de 3 anos volveu recibir unha sorpresa da nosa Caixa dos Inventos! Desta vez, no seu interior agardaban varias imaxes: rodas de pedra e de madeira, persoas utilizando troncos para transportar obxectos e mesmo un home traballando cun torno. Observando as pistas, axiña descubrimos de que invento se trataba: A RODA!
Pero... como xurdiu este invento tan importante? Para descubrilo, vimos un vídeo educativo no que coñecemos como os nosos antepasados idearon a roda e como esta cambiou a maneira de transportar obxectos e desprazarse.
Despois de investigar, chegou o momento de experimentar! Puxémonos mans á obra cunha caixa chea de madeira. Primeiro intentamos movela sen ningunha axuda e comprobamos que pesaba moito e que resultaba bastante complicado desprazala. Pero... e se faciamos como os nosos antepasados e colocabamos uns troncos debaixo? Probamos e descubrimos algo sorprendente: cun só dedo podiamos mover a caixa sen apenas esforzo! Que cambio!
A continuación, utilizamos as carretillas para comprobar como o invento da roda nos permite transportar cousas pesadas, percorrer distancias máis longas e facer moito menos esforzo. Agora entendemos por que foi un invento tan revolucionario!
Tamén nos convertimos en pequenos investigadores e investigadoras da nosa aula. O alumnado de 3 anos buscou diferentes obxectos para descubrir cales rodan, igual que as rodas, e cales non rodan, senón que simplemente se deslizan. Ata lembramos que nós tamén nos deslizamos polo tobogán!
Para rematar, recollemos en papel todo o que aprendemos sobre este invento, que revolucionou a maneira de movernos e transportar cousas.
Canto pode cambiar o mundo unha idea! O alumnado de 3 anos segue descubrindo, experimentando e aprendendo que os grandes inventos nacen da curiosidade e das ganas de atopar solucións aos pequenos e grandes problemas.
Que novo misterio agochará Pinchos na próxima Caixa dos Inventos? Estamos desexando descubrilo!

Ningún comentario:
Publicar un comentario