venres, 23 de outubro de 2026

UNHA CHAVE, NOVE CIFRAS E UNHA GRAN SORPRESA NA BIBLIOTECA!

Con motivo do Día das Bibliotecas, Pinchos, a mascota da nosa biblioteca, tiña un problema moi importante: non daba atopado a chave para abrir a biblioteca! 

Despois de buscala por todas partes, descubrimos que estaba gardada dentro dunha caixa pechada cun cadeado. Pero había outro problema: para abrila precisabamos conseguir un código de nove cifras. Como podiamos facelo? 

A solución estaba nas nosas mans! Cada clase tivo que superar un reto para conseguir unha das cifras do código. Pouco a pouco, co enxeño, a colaboración e o traballo en equipo, conseguimos reunir as nove cifras necesarias para abrir o cadeado.









E por fin chegou o gran momento! Ao abrir a caixa, descubrimos que alí estaban a chave da biblioteca e os carnets dos nenos e nenas que colaborarán na biblioteca durante este curso. Pero as sorpresas non remataran aí…


Algúns nenos e nenas encargáronse de comprobar se a chave abría realmente a porta da biblioteca. E si! Ao entrar, atopamos uns agasallos que Pinchos preparara para todas as clases: as mochilas viaxeiras e unha caixa cun kit de inventores e inventoras, como agradecemento polo noso esforzo e por superar todos os retos. 


Ademais, para celebrar esta aventura, instalamos na biblioteca un photocall co título da nosa proposta documental integrada deste curso: «Eureka: inventos e descubrimentos». Así, todas as clases puideron facerse unha foto de recordo e dar comezo a un curso no que nos converteremos en auténticos inventores, inventoras e descubridores e descubridoras. 

Foi unha xornada chea de misterio, emoción, traballo en equipo e moitas ganas de descubrir!

Grazas, Pinchos, por esta aventura e por todos os agasallos! Agora si, a biblioteca xa está aberta e preparada para vivir un curso cheo de historias, ideas, inventos e descubrimentos.











Ningún comentario:

Publicar un comentario