venres, 22 de outubro de 2021

Mensaxe de Dona Disparate: RUMBO AO MAR!

Hoxe celebramos o día das Bibliotecas e, casualidade, chegaron ao cole unhas botellas cunha mensaxe dentro. Adiviñades quen as enviou?

Si, Dona Disparate!!! 


 Mirade, mirade, dentro da botella está a mensaxe!

Aquí está o que nos contaba:

Ola, nenos e nenas! Son Dona Disparate!
Este curso embarquei nunha aventura que me levará por todos os mares do mundo! Queredes ser os meus grumetes nestas viaxes? Animádevos, xuntos coñeceremos sorprendentes criaturas mariñas, lugares fantásticos ou misteriosas illas perdidas. Tamén descubriremos todo o dano que fixo o ser humano ao mar e xuntos conseguiremos un mar máis limpo.
Os nosos barcos serán os libros, claro, e por iso preparei unhas mochilas con libros marabillosos. Tamén teredes novos pasaportes lectores para que apuntedes cada novo libro que leades.
Como vedes, hoxe comunícome con vós mediante esta mensaxe na botella. Nalgúns lugares non poderei usar o móbil nin internet, así que terei que buscar distintas formas de contarvos os meus descubrimentos.
E agora déixovos, que teño que preparar as velas do meu barco para comezar esta nova aventura! RUMBO AO MAR!


E coa mensaxe viñeron as mochilas viaxeiras, que poderedes telas en casa durante unha semana, e os préstamos semanais de libros.

Preparados para a aventura? Imos...

RUMBO AO MAR!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.