xoves, 16 de decembro de 2021

Rumbo ás recomendacións lectoras!

Chega o inverno, coas tan esperadas vacacións, e chegan tamén as tradicionais recomendacións lectoras. E non só lectoras. Nestes días temos tempo de ler, pero tamén de cociñar, de xogar, de informarnos, de escoitar música, de contar historias, de descubrir cousas...

 

Dona Disparate convídanos a entrar na súa casa. Adiante!

Podes ampliar facendo clic nos 3 puntos ⬆ e nas frechas.

E lembra: mercando nas librerías e tendas pequenas axudamos ao noso comercio local.

 

Felices festas!

mércores, 1 de decembro de 2021

Biblioteca Creativa

Na Biblioteca do CEIP San Miguel de Reinante-Barreiros estamos de celebración. Acaban de seleccionarnos como centro de nova incorporación ao proxecto de BIBLIOTECA CREATIVA!

A partir do 2º trimestre, trala inauguración da nova biblioteca, converteremos este espazo nun lugar de investigación, experimentación, cooperación e creación...

Continuade atentos ao blog, moi pronto teredes máis novas.

venres, 29 de outubro de 2021

Cabazas de Samaín 2021

Aquí está a exposición virtual de cabazas que preparou o equipo de Dinamización da Lingua Galega do cole coas vosas fotos. Vaia artistas!


 

domingo, 24 de outubro de 2021

Samaín 2021

Achégase a celebración do Samaín e os Bolechas propóñennos algúns materiais para ler, colorear, decorar e ata cociñar. Todo relacionado co SAMAÍN!


E se vos animades a ir casa por casa buscando "terroríficos" libros, aquí tedes unha Aventura lectora no Samaín. Seguro que coñecedes a todas estas personaxes...

venres, 22 de outubro de 2021

Mensaxe de Dona Disparate: RUMBO AO MAR!

Hoxe celebramos o día das Bibliotecas e, casualidade, chegaron ao cole unhas botellas cunha mensaxe dentro. Adiviñades quen as enviou?

Si, Dona Disparate!!! 


 Mirade, mirade, dentro da botella está a mensaxe!

Aquí está o que nos contaba:

Ola, nenos e nenas! Son Dona Disparate!
Este curso embarquei nunha aventura que me levará por todos os mares do mundo! Queredes ser os meus grumetes nestas viaxes? Animádevos, xuntos coñeceremos sorprendentes criaturas mariñas, lugares fantásticos ou misteriosas illas perdidas. Tamén descubriremos todo o dano que fixo o ser humano ao mar e xuntos conseguiremos un mar máis limpo.
Os nosos barcos serán os libros, claro, e por iso preparei unhas mochilas con libros marabillosos. Tamén teredes novos pasaportes lectores para que apuntedes cada novo libro que leades.
Como vedes, hoxe comunícome con vós mediante esta mensaxe na botella. Nalgúns lugares non poderei usar o móbil nin internet, así que terei que buscar distintas formas de contarvos os meus descubrimentos.
E agora déixovos, que teño que preparar as velas do meu barco para comezar esta nova aventura! RUMBO AO MAR!


E coa mensaxe viñeron as mochilas viaxeiras, que poderedes telas en casa durante unha semana, e os préstamos semanais de libros.

Preparados para a aventura? Imos...

RUMBO AO MAR!

xoves, 21 de outubro de 2021

Proxecto RUMBO AO MAR!

 

Neste curso 2021/2022 estaremos inmersos nun proxecto que leva o nome “Rumbo ao mar”, o cal será o fío

condutor de gran parte da estrutura pedagóxica que sustentará os contidos curriculares ata fin de curso.

Por trimestres a temática concretarase do seguinte xeito:

- 1º trimestre: “Un mar de vida” (biodiversidade e organismos mariños)

- 2º trimestre: “Un mar xeneroso” (Aportacións do mar, o mar como medio de vida, profesións,...)

- 3ºtrimestre: ”Un mar limpo” (ecoloxía e sostibilidade do medio mariño)

Gran parte das actividades complementarias e extraescolares organizadas polo centro serán acordes a esta temática


mércores, 8 de setembro de 2021

Curso 2021-2022

Comezamos un novo curso con moita ilusión, novos proxectos e algunha novidade que iredes descubrindo...

Pero primeiro de todo, sabedes por onde anda Dona Disparate? O camiño rematou pero aínda non apareceu polo cole. A saber en que aventuras anda metida...

Por agora inauguramos o curso co cartel e o lema anual que propón a Asesoría de Bibliotecas Escolares:

A BIBLIOTECA ESCOLAR TEN A PALABRA

Seguide atentos e atentas ao blog da biblio, a ver se temos algunha noticia de Dona Disparate.

domingo, 20 de xuño de 2021

Recomendacións lectoras - Verán 2021

Coa chegada das vacacións de verán chegan tamén momentos de xogo, de praia, de sol, de amigos e, como non, de lecturas!

Aquí vos recomendamos unha selección de lecturas moi refrescantes e divertidas. Agora tócache a ti atopar o lugar ideal onde gozar destes libros!

BO VERÁN!

(Fai clic na imaxe)


sábado, 19 de xuño de 2021

Entrega de diplomas e agasallos

O venres Dona Disparate enviounos os "Diplomas lectores" deste curso. Un curso no que, aínda que non puidemos ir á Biblioteca, lemos moitísimos libros. E tamén sorprendeunos cunhas chapas para que non esquezamos as súas aventuras no Camiño...

Tamén houbo uns pequenos agasallos para os que máis participaron nos seus retos semanais.

Esperamos verte pronto polo cole, Dona Disparate!

venres, 11 de xuño de 2021

FIN DO CAMIÑO

Ola, nenos e nenas!

Estas últimas semanas non vos enviei fotos nin respondín ás vosas mensaxes do blog porque estaba rematando...

O CAMIÑO DE SANTIAGO

Durante todo este curso percorrín unha morea de quilómetros coñecendo os lugares marabillosos polos que pasa o Camiño do Norte.

Fíxome moita ilusión compartir convosco esta viaxe. Cada vez que algún de vós lía un libro, eu sentía novas forzas para seguir camiñando. Divertinme moito coas vosas mensaxes, algúns tedes moita imaxinación! Moitísimas grazas por todas as mensaxes e os ánimos, sodes os mellores!!!


Antes de despedirme quero desexarvos un BO VERÁN e que pasedes unhas VACACIÓNS estupendas! Moi pronto estarei de volta no colexio...

venres, 21 de maio de 2021

BO CAMIÑO - Etapa 24

Ola, chicos e chicas!

Quería agradecervos novamente as mensaxes de ánimo. Só faltan 3 semanas para chegar a Santiago de Compostela!

A semana pasada coñecín VILALBA e durmín no seu PARADOR. Fixádevos que habitación máis bonita:

A clase de 5 anos preguntoume moitas cousas da miña habitación no castelo.
Por sorte non había nin arañas nin ratas. O que había era unha cama mooooi cómoda!
E si, durmo cun peluche. Aí o tedes, enriba da cama. Gústavos?
Como levo un teléfono móbil, aí xa podo ver o calendario.


Para Infantil:

1. Que nome podo poñerlle ao meu osiño de peluche?

2. Que mascota teriades vós se vivísedes nun castelo?

 

Para Primaria:

3. Hai algo na foto que non debería estar aí? Razoa a túa resposta.

4. Despois de Vilalba, cal cres que é a seguinte localidade na que teño que parar? (podes buscar por Internet. Pensa que en cada etapa podo camiñar entre 20 e 30 quilómetros).


Escribe o NOME e o CURSO no comentario.

venres, 14 de maio de 2021

BO CAMIÑO - Etapa 23

Só faltan unhas poucas etapas para que Dona Disparate chegue ao seu destino: Santiago de Compostela.

Tiñan curiosidade os compañeiros da clase de Infantil 5 anos por onde durmía Dona Disparate no seu percorrido. Normalmente durme nos albergues que hai no camiño, pero nesta ocasión decidiu hospedarse nun Parador. E elixiu unha habitación que está nesta torre medieval:


Para Infantil:

1. Como imaxinas que será a habitación onde durme Dona Disparate?

 

Para Primaria:

2. Que nome ten a localidade onde está Dona Disparate?

3. Podes explicar que é un Parador?


Pon NOME e CURSO no teu comentario.

venres, 7 de maio de 2021

BO CAMIÑO - Etapa 22

Dona Disparate continúa o seu camiño a Santiago de Compostela, con máis ánimo que nunca despois das vosas mensaxes e da parada que fixo no colexio.

Nesta etapa Dona Disparate está a pouco máis de 20 quilómetros de San Miguel de Reinante... ¿Coñecedes este lugar?


Para Infantil:

1. Neste sitio realízase en agosto un mercado medieval... Que podes contarnos da época dos castelos?

 

Para Primaria:

2. Que nome ten a localidade onde está Dona Disparate?

3. Investiga un pouco e di a quen representa esa estatua que está sentada no banco.

4. Neste lugar naceu o autor da música do Himno galego. Sabes quen é?

 

Non esquezas NOME e CURSO no comentario.

venres, 30 de abril de 2021

CREAcción no Camiño: "De libros por Barreiros"

Durante este curso, dentro do noso proxecto "BO CAMIÑO", estamos coñecendo as etapas, lugares e monumentos do Camiño do Norte da man de Dona Disparate. Cada semana publica unha foto no blog e propón varios retos para o alumnado e as familias.

O 23 de abril, o día do Libro, coincidiu coa etapa na que Dona Disparate pasaba por Barreiros. Aproveitou para facer unha pequena parada no cole e deixarnos unha mensaxe e uns libros de agasallo xa que era o seu aniversario.

Para celebrar este día tan especial, decidimos relacionar o noso proxecto "Bo Camiño" co lema deste curso das Bibliotecas Escolares de Galicia, "Xeografías Lectoras na Biblioteca Escolar", para elaborar un mapa de Barreiros. O alumnado seleccionou os libros que están configurando as xeografías lectoras de cada clase durante este curso e reproduciu as súas portadas. Con estes debuxos completamos as diferentes parroquias lectoras de Barreiros.

Como remate desta celebración, baixamos ao patio (seguindo as medidas sanitarias) e compartimos estas lecturas nunha xuntanza moi orixinal que inmortalizamos co noso dron:

Grazas aos libros descubrimos os mundos marabillosos que agochan as súas páxinas, pero tamén coñecemos mellor a nosa contorna e aprendemos a valorala.

 

Por certo, Dona Disparate está moi contenta de que vos gustaran os agasallos que fixo polo Día do Libro. O próximo venres teredes novas fotos e retos!

venres, 23 de abril de 2021

Día do Libro 2021

 Hoxe celebramos o...

DÍA DO LIBRO

E Dona Disparate sorprendeunos cun vídeo que gravou cando pasou polo colexio!

Agradeceu moito as vosas mensaxes de ánimo e que participedes nos retos semanais.

Tamén aproveitou para deixarnos uns agasallos xa que hoxe é o seu aniversario.

Moitas grazas, Dona Disparate!

Bo camiño!

venres, 16 de abril de 2021

BO CAMIÑO - Etapas 19 e 20

Bo día!

Dona Disparate está ben, soamente tardou un pouco máis en enviar fotos porque quedou sen batería no móbil e, como é tan despistada, nin se dera conta.

Cando cargou a batería leu todas as vosas mensaxes de ánimo e enviounos estas fotos:


Nesta etapa Dona Disparate está na desembocadura dun pequeno río que separa os concellos asturianos de El Franco e Tapia de Casariego.

Alí hai un esteiro (zona de costa onde desemboca un río e que queda cuberta pola preamar) no que Dona Disparate aproveitou para merendar e descansar un pouco.

 

Para Infantil:

1. Na primeira foto hai un aparello moi divertido que podemos atopar nos parques infantís. Que é?

2. Cales son os teus xogos favoritos dos parques infantís?

 

Para Primaria:

3. Coas pistas que tes máis arriba, sabes onde está Dona Disparate?

4. Que cres que debería facer Dona Disparate cando chegue a Barreiros?

 

Non esquezas NOME e CURSO no comentario.


venres, 9 de abril de 2021

Sen novas de Dona Disparate

 Esta semana non sabemos nada de Dona Disparate...

Non chegou ningunha foto, ningún e-mail...

Estará ben? Pasaríalle algo? Terá algún problema?



venres, 26 de marzo de 2021

BO CAMIÑO - Etapa 18

OS NENOS E NENAS DE 5 ANOS QUEREN SABER ALGUNHAS COUSAS DE DONA DISPARATE. ISTO FOI O QUE DIXO:

- CANDO É O TEU CUMPLE? 

OLA, NENOS E NENAS DE 5 ANOS!

O MEU CUMPLE É O 23 DE ABRIL, O DÍA DO LIBRO.

CO QUE ME GUSTAN OS LIBROS, É UNHA CASUALIDADE, VERDADE?

- TES MÓBIL OU TABLET OU ORDENADOR PARA VER AS NOSAS MENSAXES?

LEVO SEMPRE UN MÓBIL COMIGO, POR SE TEÑO ALGUNHA URXENCIA. TODAS AS SEMANAS LEO OS VOSOS COMENTARIOS E AS VOSAS MENSAXES DE ÁNIMO.

MOITÍSIMAS GRAZAS!

EN POUCAS SEMANAS CHEGAREI A GALICIA!!!

 

Aquí está a foto desta semana:

 

Para Infantil:

1. O barco de Dona Disparate non ten velas. Como pode funcionar?

2. Na foto aparece unha vila ou unha cidade?

 

Para Primaria:

3. Dona Disparate está nunha localidade que en asturiano chámase "CUIDEIRU". Sabes o nome en castelán?

4. Poderías dicir o xentilicio da xente deste lugar (lembra que xentilicio é un adxectivo que indica o lugar de orixe).

 

Escribe NOME e CURSO no comentario.


Na etapa anterior, a 17, Dona Disparate estaba en AVILÉS, visitando un edificio do CENTRO NIEMEYER, que leva o nome do arquitecto que o deseñou.

Os compañeiros e compañeiras de infantil teñen moita imaxinación! Na etapa anterior Vega imaxinaba que no edificio podía vivir un fareiro. Tamén poderían vivir superheroes ou ser o Centro de mando da Patrulla canina, co tobogán polo que baixan os cans. Parécense, non si?

Tamén propuxeron a Dona Disparate menús moi saudables e variados:

- Ensalada mixta, merluza á galega e de postre mazá [Cecilia].

- Guisantes con xamón, peituga de polo con ensalada e patacas e de postre fresas [Vega].

- Lentellas ou puré de calabaza, polo con ensalada ou peixe con patacas cocidas e de postre iogur ou froita (plátano, mazá, pera...) [Clase de 5 anos].

venres, 12 de marzo de 2021

8 de marzo

Para conmemorar este día, todo o colexio participou nun proxecto que buscaba coñecer mellor a figura da muller en diferentes ámbitos. Para iso cada grupo analizou o PASADO e o PRESENTE da muller na vestimenta, o deporte, a sociedade, o ámbito laboral, as tarefas do fogar, etc.

Aquí tedes o resultado:






BO CAMIÑO - Etapa 17

Dona Disparate agradece moito as vosas mensaxes de ánimo. Ademais está moi contenta porque estivo facendo contas e decatouse de que dentro de 6 semanas chegará á súa querida GALICIA! Ten tantas ganas de cruzar o río Eo...

Pero imos á etapa desta semana. Fixádevos moi ben nesta foto:

 

Para Infantil:

1. Imaxina quen podería vivir neste edificio tan orixinal.

2. Hoxe Dona Disparate aínda non sabe que comer. Podes recomendarlle un menú variado e saudable?

 

Para Primaria:

3. En que cidade asturiana está Dona Disparate? (Pista: comeza pola letra A)

4. Este edificio o deseñou un arquitecto de Brasil chamado Óscar. Como se apelidaba?


Deixa o teu NOME e CURSO no comentario. Grazas!

venres, 5 de marzo de 2021

BO CAMIÑO - Etapa 16

Dona Disparate xa percorreu a metade das etapas do camiño do Norte. Esta semana chegou a unha cidade na que todo é moi grande.

Tanto é así que non teñen un "molino" normal, teñen un "MOLINÓN"!

Nesta imaxe vemos a Dona Disparate visitando un monumento tamén moi grande:


Para Infantil:

1. Sabes de que material está feito?

2. A que se asemella este monumento? Tes que botarlle moita imaxinación!

 

Para Primaria:

3. En que cidade asturiana está Dona Disparate?

4. Quen é o artista que creou este monumento? (PISTA: este artista xa apareceu na ETAPA 2 do camiño. Podes buscar esta etapa na columna da dereita, onde pon "ARQUIVO DO BLOG")

5. Co nome da cidade e do artista xa saberás o nome do monumento...

 

DONA DISPARATE agradécevos moito que participedes nestes retos. Se queredes podedes deixarlle unha mensaxe de ánimo no voso comentario (non esquezas NOME e CURSO).

 

venres, 26 de febreiro de 2021

BO CAMIÑO - Etapa 15

Dona Disparate ten moita fame de tanto camiñar. Atreverase a facer unha tortilla con estes ovos de Triceratops? Esperemos que non!!!


Para INFANTIL:

1. Coñeces algún nome de outros dinosauros?

2. Que outros animais que coñeces nacen de ovos?


Para PRIMARIA:

3. Dona Disparate está no Museo do Xurásico de Asturias. Sabes en que localidade asturiana está?

4. Explícalle a Dona Disparate como desapareceron os dinosauros. Ela pensa que desapareceron no bosque...

 

Escribe o teu NOME e CURSO.

domingo, 21 de febreiro de 2021

DÍA DE ROSALÍA 2021

O mércores 24 de febreiro conmemoramos o Día de Rosalía e dende a Biblioteca queremos ofrecervos algúns recursos moi interesantes:


 
 

venres, 19 de febreiro de 2021

BO CAMIÑO - Etapa 14

Xa sabedes que Dona Disparate está en Asturias, nesta ocasión atópase practicando deporte no río Sella.

Para INFANTIL:

1. Que deporte practica Dona Disparate?

2. Que necesita para practicar este deporte?


Para PRIMARIA:

3. En que localidade desemboca o río Sella?

4. No deporte que practica Dona Disparate, que significa K1 e K2?


Deixa a túa resposta en COMENTARIOS. 🔻 Non esquezas escribir o teu NOME e CURSO.

venres, 12 de febreiro de 2021

BO CAMIÑO - Etapa 13

 FELIZ ENTROIDO 2021!

A Dona Disparate gustáronlle moito as vosas ideas de disfrace: de INDIANO, de EXPLORADORA, de VAMPIRO, de ELFO... pero decidiuse polo de BRUXA!

 

Esta semana de entroido Dona Disparate sigue avanzando no seu camiño e chegou a este sitio tan orixinal. Está visitando os "CUBOS DE LA MEMORIA".

 

Nesta foto aparece o artista pintándoos:

Para INFANTIL:

1. Na foto aparecen unha morea de cubos de cores. Que outras cousas teñen forma de CUBO?

2. Que obxectos recoñeces nos cubos?


Para PRIMARIA:

3. En que localidade está Dona Disparate?

4. Como se chama o artista que os pintou?


Pon NOME e CURSO na resposta.

venres, 5 de febreiro de 2021

BO CAMIÑO - Etapa 12

Nesta etapa Dona Disparate acaba de pasar de CANTABRIA a ASTURIAS. Está visitando a "QUINTA GUADALUPE", esta marabillosa casa de Indianos na que actualmente ten a súa sede o Museo da Emigración de Asturias.

Hai máis de 100 anos, moitas persoas emigraban a América en busca de traballo. Algunhas persoas conseguían facerse "ricos" e ao volver a España construían casas coma esta, chamadas casas de Indianos.

 

Para INFANTIL:

1. Cantos andares ou plantas hai nesta casa? De que cores está pintada?

2. Dona Disparate quere celebrar o ENTROIDO a próxima semana, pero aínda non sabe de que disfrazarse. Dáslle algunha idea?

 

Para PRIMARIA:

3. En que localidade está Dona Disparate? (Podes buscar en internet o nome do edificio).

4. Que planta é habitual atopar nos xardíns das casas de indianos?

5. E ti, de que cres que se pode disfrazar Dona Disparate a próxima semana?

 

Non esquezas NOME e CURSO na túa resposta.

 

venres, 29 de xaneiro de 2021

BO CAMIÑO - Etapa 11

Aquí están as últimas fotos que acabamos de recibir de Dona Disparate. Nesta ocasión está visitando un edificio moi orixinal:

Para INFANTIL:

1. Que elementos aparecen nos azulexos do edificio?

2. Quen imaxinas que podería vivir nesta casa tan orixinal? Ou quen te gustaría que vivise nesta casa?

 

Para PRIMARIA:

3. Para descubrir o nome da localidade na que se atopa Dona Disparate tes a seguinte pista (si, é o nome en castelán deste signo ortográfico):

4. O nome do edificio é "VILLA QUIJANO", pero coñécese tamén con outro nome. Sabes cal é?

5. Por último, podes dicir que arquitecto deseñou este edificio?


Non esquezas escribir NOME e CURSO na resposta.