luns, 16 de novembro de 2026

DOBRE RETO NA BIBLIOTECA!


Durante o mes de novembro, a biblioteca escolar propón unha nova actividade para os recreos: o dobre reto na biblioteca!

Do 16 ao 30 de novembro, o alumnado poderá achegarse á biblioteca para participar en dúas propostas que, aínda que diferentes, comparten un mesmo obxectivo: aprender, reflexionar, colaborar e descubrir a importancia de construír unha sociedade máis xusta e igualitaria.

RETO 1. UN PUZLE SOBRE O EFECTO MATILDA

Pinchos quixo espertar a curiosidade das clases e enviou unha carta ás aulas cunha pregunta: Sabedes que é o Efecto Matilda? Xunto coa carta, deixou unha presentación para que o alumnado puidese descubrir en que consiste este fenómeno e coñecer como, ao longo da historia, moitas mulleres científicas non recibiron o recoñecemento que merecían polos seus descubrimentos e achegas.

Agora tócanos seguir investigando! Na biblioteca agardará un puzle que nos permitirá descubrir algunhas destas mulleres e achegarnos ás súas historias. Porque coñecer os seus nomes e os seus logros tamén é unha maneira de darlles o recoñecemento que merecen.

RETO 2. KAPLA: CONSTRUÍMOS A PONTE DO APOIO

Coa chegada do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, propoñemos un segundo reto: construír unha ponte con pezas de Kapla. Unha construción colectiva que nos invita a reflexionar sobre o valor do apoio, a cooperación, o respecto e a solidariedade. Porque, igual que unha ponte precisa de todas as súas pezas para manterse en pé, unha sociedade mellor constrúese coa colaboración e o compromiso de todas e todos.

Dous retos para compartir os recreos doutra maneira, poñer a proba as nosas habilidades, descubrir historias que merecen ser coñecidas e lembrar que a igualdade e o apoio mutuo son fundamentais para construír un mundo libre de violencia.

Pinchos agárdavos na biblioteca! Animádevos a participar! 

venres, 13 de novembro de 2026

UNHA PEQUENA ESTACIÓN METEOROLÓXICA NO NOSO PATIO!

Seguimos descubrindo inventos que nos axudan a coñecer mellor o mundo que nos rodea! Desta vez, decidimos instalar no patio do cole dous instrumentos moi especiais: un termómetro e un pluviómetro.

Pero... para que serven estes inventos? O termómetro permítenos medir a temperatura e saber se fai frío ou calor. O pluviómetro, pola súa banda, serve para recoller e medir a cantidade de chuvia que cae.

Despois de coñecer estes dous instrumentos e descubrir como funcionan, buscamos un lugar axeitado no patio para colocalos. Agora contamos cunha pequena estación meteorolóxica no noso cole!

A partir de agora, poderemos achegarnos a observar o termómetro e comprobar como cambia a temperatura ao longo dos días. Tamén estaremos moi atentos ao noso pluviómetro para descubrir canta auga recolle cando chove.

Deste xeito, descubrimos que existen inventos que nos permiten observar, medir e comprender fenómenos da natureza que forman parte da nosa vida cotiá.

Porque detrás de cada invento hai unha idea que nos axuda a entender un pouquiño mellor o mundo!

DESCUBRIMOS A RADIOGRAFÍA: OS NOSOS ÓSOS Á VISTA

Esta semana, o alumnado de 3 anos recibiu unha nova visita da nosa misteriosa Caixa dos Inventos. Ao abrila, atopamos unha carta, unha lanterna e varias radiografías. Que podería ser todo aquilo? Pinchos volvía propoñernos un novo reto: descubrir un invento que nos permite ver algo que normalmente está escondido dentro do noso corpo.

Comezamos explorando as radiografías na mesa de luz. Foi toda unha sorpresa! Observamos diferentes imaxes e descubrimos os ósos que se agochan debaixo da nosa pel. Puidemos identificar algunhas partes do corpo e observar como son os nosos ósos. Esta experiencia serviunos tamén para seguir aprendendo sobre o corpo humano e coñecer un pouquiño mellor como somos por dentro.

Pero a nosa investigación non quedou aí! Quixemos comprobar como funciona a luz e que acontece cando colocamos unha lanterna detrás da nosa man. Ao iluminala e tapala, observamos como aparecía unha luz vermella. Descubrimos que a luz pode atravesar os tecidos da nosa man, pero non os ósos, que aparecen máis escuros.

Tamén vimos un vídeo para coñecer como se fai unha radiografía e que acontece cando imos ao hospital ou ao centro de saúde para realizar unha. Ao principio, algúns pensaban que facer unha radiografía tiña que doer moito, pero despois de ver o vídeo descubrimos que facer unha radiografía non doe nada! Que tranquilidade!

E, como auténticos investigadores e investigadoras, tamén tivemos a oportunidade de facer a nosa propia radiografía da man. Que emocionante foi descubrir a forma dos nosos ósos! Para rematar, deixámonos levar pola imaxinación e realizamos unha divertida radiografía máxica, na que a creatividade e a sorpresa foron as protagonistas.



Así, a través da observación, a experimentación e o xogo, o alumnado de 3 anos achegouse ao descubrimento dun invento moi importante para a medicina, que permite aos profesionais sanitarios observar o interior do noso corpo e axudarnos a saber se os nosos ósos están ben.

Seguimos descubrindo que o noso corpo agocha moitas sorpresas e que, grazas aos inventos, podemos ver e comprender cousas que antes parecían invisibles!

Grazas, Pinchos, por axudarnos a mirar máis alá do que ven os nosos ollos! 

martes, 3 de novembro de 2026

OBRADOIRO DE RADIO EN 5º DE PRIMARIA



Hoxe o noso alumnado de 5º de Educación Primaria viviu unha xornada moi especial e chea de ritmo nas ondas radiofónicas. Contamos coa visita de Damián Alonso, membro da prestixiosa asociación pedagóxica Ponte... nas Ondas!, quen achegou ao centro un obradoiro de radio práctico e tremendamente enriquecedor.

Ao longo da sesión, os nenos e nenas descubriron os segredos da comunicación profesional: aprenderon a importancia de vocalizar e entoar adecuadamente para transmitir emocións, a deseñar a súa propia escaleta e a empregar eses recursos e frases clave que conseguen enganchar a quen está ao outro lado da pantalla ou do transistor.

Pero a teoría deu paso axiña á acción! Coa axuda dunha mesa de son, o alumnado púxose mans á obra e gravou o que xa é oficialmente o seu primeiro podcast.

E como poderedes comprobar cando o escoitedes, non o pasaron nada mal! Durante o podcast abordaron unha gran variedade de contidos preparándoo con moito entusiasmo.

Queremos agradecer a Damián Alonso e a Ponte... nas Ondas! a súa visita.

Deixámosvos a continuación a ligazón para escoitar o resultado.



luns, 2 de novembro de 2026

EN SAMAÍN CON-SUMO COIDADÍN.



O noso alumnado participou hoxe nestes talleres para aprender de xeito divertido a identificar os posibles riscos dos disfraces e complementos.

Os nenos e nenas descubriron a importancia de consumir con seguridade, coñecer o etiquetado e escoller produtos axeitados.

Grazas ao instituto Galego de Consumo e a Tania e a María por impartir os talleres.